Dando a benvida á Carballeira de Francos, atópase un dos cruceiros máis antigos de Galicia.
O cruceiro de Francos, considerado un dos máis antigos de Galicia (s. XV), foi descrito por Castelao na súa obra As cruces de Pedra na Galicia (1950), ao abordar a orixe dos nosos cruceiros.
Situado na contorna da carballeira de Francos e á beira da antiga escola, hoxe convertida en casa Común do Concello, está intimamente ligado á ruta xacobea que pasa ao seu carón, como demostran os relevos de dous peregrinos situados nos laterais da cruz.
Como o propio Castelo sinala trátase dunha “cruz pousada nun ancho esteo de pedra, (.....) os nosos ollos xulgaríana como moi antiga se non reparásemos detállesnos dramáticos do crucifixo”.
É unha cruz de granito sobre un varal cuadrangular que nos lembra a forma dun menhir. Mesmo conta cun pequeno gravado en forma de cruz. O cristo é de estilo gótico, crucificado con tres cravos, con coroa de espiñas, cara ladeada cara á dereita, xeonllos dobrados e cun pano de pureza cinguido, acompañado de rudimentarias figuras que poderían representar a dous peregrinos, o que reforza a súa vinculación co Camiño Portugués.
