A Pedra Bicuda de Loureiro é un dos petróglifos máis interesantes do territorio de Compostela rupestre pola cantidade, variedade de motivos representados e por localizarse na área arqueolóxica do Monte Piquiño, un dos espazos de maior densidade de xacementos arqueolóxicos do territorio, onde se rexistran 10 estacións rupestres, unhas 30 mámoas e 2 posibles círculos líticos.
Os gravados sitúanse sobre un afloramento de granito, na ladeira dun outeiro coñecido como Pedra Bicuda. O lugar é un excelente miradoiro natural, cunha impresionante visibilidade sobre o val do Ulla e fitos xeográficos destacados como o Pico Sacro, Monte Meda, Castro Valente ou a Pena da Grela.
As figuras representadas son tanto círculos como cazoletas, espirais, zoomorfos…. A rocha está bastante alterada mais distínguese relativamente ben a gran combinación circular que ocupa o centro do panel e varios círculos concéntricos situados en zonas máis periféricas. A posición da rocha fai que o mellor momento para ver os gravados sexa a primeiras horas da mañá, aproveitando a luz rasante do sol. Porén, boa parte dos motivos só resultan perceptibles de noite coa axuda da luz artificial.
Petróglifo da Pena Bicuda de Loureiro
Localizada en Loureiro, na parroquia de Luou, este petróglifo atópase sinalizado e forma parte do PRG-238, Ruta dos Petróglifos de Teo.
Coordenadas GPS:
42.77852022499711, -8.591856188738978
PR-G 238. Ruta dos Petróglifos de Teo
42.77852022499711, -8.591856188738978