PR-G 280 "Ruta da Ribeira do Ulla Teense"

PR-G-280
Información de la ruta

 Entre 3 h e 4 h 20 min
 13,34 km
 88 m
 143 m
 Lineal
 Dificultade media
 Con sinalización

Archivos

 

Un percorrido para descubrir a alma do Ulla

A PR-G 280 Ribeira do Ulla Teense é unha ruta homologada pola Federación Galega de Montañismo que percorre algúns dos espazos naturais e patrimoniais máis destacados da ribeira do Ulla en Teo.

O trazado principal, de carácter lineal, une a Devesa de Mallos e Agromaior coa Área Recreativa do Xirimbao ao longo de 9,43 km. A este itinerario engádense dúas variantes opcionais: a Variante dos Petróglifos, de 2,28 km, e a Variante das Pesqueiras, de 1,63 km.

O conxunto da rede suma 13,34 km, sen duplicidades. A duración pode oscilar entre as 3 horas e as 4 horas e 20 minutos, dependendo dos tramos e variantes realizados.

A ruta conta con sinalización homologada, paneis interpretativos, postes direccionais, frechas e balizas de continuidade que facilitan a orientación durante o percorrido.

O trazado principal: de Agromaior ao Xirimbao

O itinerario comeza na Devesa de Mallos e Agromaior, o espazo natural protexido de maior extensión do municipio de Teo.

Desde Agromaior, a ruta descende seguindo o curso do río Pereiro ata a Ponte da Dorna, onde enlaza coa ribeira do Ulla. O camiño continúa augas abaixo pola marxe dereita do río, atravesando bosques de ribeira e carballeiras como as das Areas e Xermeade.

A ruta conecta coa senda fluvial Ruta do Apego e chega á histórica Ponte Medieval de Pontevea. Desde este punto, continúa pola contorna da Ponte de San Lote e polo Rego de Viñas ata alcanzar a Área Recreativa do Xirimbao, onde se atopa a Pasarela de Mariola, coñecida tamén como ponte colgante do Xirimbao, e dous destacados exemplares de sequoia.

PR-G 280.1 · Variante dos Petróglifos

Esta variante semicircular, de 2,28 km, conecta o trazado principal na contorna da Praia da Barxe con Agromaior.

O percorrido ascende por unha zona boscosa e permite achegarse ao conxunto rupestre de Mallos, formado por varias estacións de arte rupestre de grande valor arqueolóxico.

PR-G 280.2 · Variante das Pesqueiras

Esta variante circular, de 1,63 km, parte da Área Recreativa do Xirimbao e percorre a beira do Ulla ata as tradicionais pesqueiras da lamprea.

As pesqueiras son construcións de pedra situadas no leito do río, deseñadas para a colocación de redes ou bituróns destinados á captura da lamprea, unha práctica ancestral vinculada ao Ulla.

Patrimonio natural e cultural

Entre os principais puntos de interese da ruta destacan:

  • A Devesa de Mallos e Agromaior.
  • Os petróglifos de Mallos.
  • A Burga de Xermeade.
  • A Ponte Medieval de Pontevea, declarada Ben de Interese Cultural.
  • A Área Recreativa do Xirimbao.
  • A Pasarela de Mariola.
  • As sequoias do Xirimbao.
  • As pesqueiras da lamprea.

Información práctica

A ruta pode realizarse durante todo o ano, aínda que no inverno é necesario extremar a precaución debido ao risco de enchentes do río Ulla.

O trazado principal é lineal, polo que debe planificarse previamente o regreso desde o Xirimbao ao punto de inicio en Agromaior.

Os únicos servizos permanentes do percorrido atópanse en Pontevea. Durante o verán pode haber algún servizo temporal na zona de autocaravanas do Xirimbao.

Na contorna da Ponte Medieval de Pontevea, por razóns legais e de seguridade, é necesario continuar pola beirarrúa ata o primeiro paso de peóns dispoñible, cruzar a estrada e regresar pola beirarrúa contraria para retomar a senda.

Ficha técnica 

  • Duración: entre 3 h e 4 h 20 min, segundo as variantes realizadas.
  • Lonxitude total: 13,34 km, sen duplicidades.
  • Trazado principal: 9,43 km.
  • Tipo: lineal/travesía, con dúas variantes opcionais.
  • Dificultade: media.
  • Sinalización homologada.
  • Inicio: Devesa de Mallos e Agromaior.
  • Final: Área Recreativa do Xirimbao.

FINANCIAMENTO

A creación, sinalización e homologación da PR-G 280 Ribeira do Ulla Teense foi financiada ao abeiro da intervención 7119_01 LEADER do Plan Estratéxico da PAC 2023–2027, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), pola Xunta de Galicia e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Inicio de ruta