Con 339 metros de altitude este emprazamento ten unha amplitude de vistas excepcional e conforma un miradoiro natural. Atópase debidamente sinalizado e con paneis que permiten interpretar a escena visual.
Dende o alto pódese observar unha vista panorámica que abrangue a cidade de Compostela, o val do río Santa Lucía e o val medio do Ulla e, ao fondo, unha singular vista do Pico Sacro. Neste cumio remata a ruta da Batalla de Cacheiras, a ruta lineal que comeza ó pé da reitoral de Bamonde e discorre polos camiños por onde as tropas do xeneral de La Concha avanzaron para enfrontarse ó exercito sublevado liderado polo xeneral Solís sendo este emprazamento o lugar onde tivo lugar a batalla máis encarnizada, o 23 de abril de 1846.
Entre os penedos do lugar, atópase unha coñecida como Pena Escorredía, un enorme macizo granítico que presenta unha forte pendente nun dos laterais e que foi empregada como tobogán dende tempos inmemoriais pola veciñanza da contorna o que orixinou unha zona desgastada e lisa de tanto rozamento.
O acceso a pé pódese facer a través de pistas de terra forestais ou en coche pola rúa asfaltada que leva o mesmo nome. Os últimos 10 metros só se poden facer a pé.
Situación Lugar Montouto, Parroquia Cacheiras, Concello Teo, Provincia A Coruña.