Espectacular carballeira onde hai máis de 500 anos que se celebra o principal evento económico, social e cultural do concello, a Feira do San Martiño.

Coordenadas GPS:
42.81512514577217, -8.621979318628956
Camiño de Santiago Portugués (tramo teense)

Este emblemático espazo, conformado por carballos de gran porte é o lugar onde cada 11 de novembro se celebra unha feira cabalar de referencia para a comarca e moi singular no contexto galego, a Feira do San Martiño, motivo polo que a tamén é coñecida como Campo da Feira.

 

A feira de San Martiño figura documentada xa no século XVI. A súa existencia testemúñase por primeira vez no ano 1557. Inicialmente existían tres feiras, como consta no Catastro de Ensenada; dúas feiras en primavera (a de Pascua de Flores e a do Espírito Santo ou Pentecoste) e unha feira en outono, a feira de San Martiño, que foi a única que chegou ós nosos días. A Feira de San Martiño, en novembro, pechaba un calendario anual para os tratantes de gando, no que se incluían tamén as feiras de Padrón e Compostela. A feira xorde neste couto porque Francos gozaba dunha situación xeográfica e administrativa singular. O lugar de Francos estaba ó pé dunha das vías principais que recorría Galicia de Norte a Sur. 

Con 500 anos de historia, segue a ser por riba de todo, unha feira cabalar máis tamén unha importante manifestación da tradición e cultura popular, de gran significación en toda a comarca. Na actualidade segue a ter un gran poder de convocatoria xuntando na carballeira a miles de persoas que ademais do atractivo da venda de gando acoden tamén ás carpas de venda de polbo e outros produtos artesáns.
 

A Carballeira de Francos forma parte do patrimonio cultural que podemos atopar no itinerario do Camiño de Santiago e é palpable o apego que por ela sente a veciñanza da bisbarra como demostran as numerosas coplas tradicionais que sobre ela hai:

“Viva Francos, viva Francos, viva Francos viva ben, viva a nosa carballeira, viva o Vilar tamén!”