Antiga ponte sobre o Rego do Sestelo ao seu paso pola parroquia de Rarís, atravesada polo Camiño da Geira e dos Arrieiros.

Coordenadas GPS:
42.76733571524401, -8.517234671302836

Emprazada sobre outra ponte máis antiga, probablemente de orixe Medieval (de aí o nome de Ponte Nova), esta ponte localizada na parroquia de Rarís, foi un viaduto moi empregado durante varios séculos e ata ben entrados nos anos setenta, momento no que queda en desuso pois polas súas dimensións só permite o paso de carros e carruaxes e non vehículos a motor. Trátase dunha ponte dun só ollo realizada con boa pedra de cantaría nas súas partes nobres e cachotería no resto.

 

As rodeiras no camiño por mor do tránsito de carruaxes ofrecen testemuño da importancia desta ruta comercial que permitía o transporte de mercadorías da Terra de Montes e do Ribeiro ata Santiago de Compostela e as Rías Baixas. Persoas arrieiras e peregrinas cruzaron o Rego do Sestelo pola Ponte Nova e hoxe en día segue a ser un elemento patrimonial destacable no chamado Camiño da Geira e dos Arrieiros.