O cruceiro de Francos, considerado un dos máis antigos de Galicia (s. XV), foi descrito por Castelao na súa obra As cruces de Pedra na Galiza (1950), ó abordar a orixe dos nosos cruceiros. Situado no entorno da carballeira de Francos e a carón da antiga escola, hoxe convertida en Casa Común do Concello, está intimamente ligado á ruta xacobea que pasa ao seu carón como demostran os relevos de dous peregrinos situados nos laterais da cruz.
Como o propio Castelo sinala trátase dunha “cruz pousada nun ancho esteo de pedra, (.....) os nosos ollos xulgaríana como moi antiga se non reparásemos nos detalles dramáticos do crucifixo”.
É unha cruz de granito sobre un varal cuadrangular que nos lembra a forma dunha pedrafita. Incluso conta cun pequeno gravado en forma de cruz. O cristo é de estilo gótico, crucificado con tres cravos, con coroa de espiñas, cara ladeada cara dereita, xeonllos dobrados e cun pano de pureza cinguido, acompañado de rudimentarias figuras que poderían representar a dous peregrinos, o que reforza a súa vinculación co Camiño Portugués.