Tamén coñecida como a Ermida de San Martiño (Francos), é unha pequena capela duns 180 m2 de sobria factura realizada con pedra de cantaría e cachotaría. Descoñécese a súa data de construción, aínda que aparece xa mencionada en documentos do ano 1775. No seu interior sobresae unha enorme cuncha mariña, do xénero “tridacna”, que é empregada como pía de auga bendita. Foi doada en 1790 polo matrimonio formado por Pedro Lobato e Alberta Ameneiro, segundo a inscrición que a acompaña.
Fronte á capela encóntrase un cruceiro de traza barroca, capitel cuadrangular, alto varal octogonal sobre a plataforma en dous chanzos e pedestal, rematado nunha cruz con dúas imaxes, un cristo crucificado e unha virxe orante.
Fortemente vinculada ao Camiño Portugués, nesta capela poden selar as persoas peregrinas a súa credencial.