Información do patrimonio
Entre os concellos de Teo, Rois e Brión atópase o castro de Francos ou Lupario, a mansión da pérfida raiña Lupa á que acudirían os discípulos do Apóstolo na procura dun lugar para soterrar o corpo sen vida do seu mestre.
A Raiña Lupa, a raiña dos lobos, a raiña moura, a personaxe lendaria que opuxo as súas forzas á implantación do cristianismo en Galicia vinculada ás lendas xacobeas, aglutina na súa figura todo un imaxinario de fonda pegada no noso concello.
O historiador Mauro Castellá Ferrer falanos da morada desta raiña, nun castelo con capacidade para catro mil homes, rodeado dunha grosa muralla. Un castelo nun "alto cerro a dúas leguas de Iría, xunto a Francos".
O cóengo do cabido compostelán e investigador A. López Ferreiro, no seu estudo dos monumentos relacionados co culto xacobeo de finais do século XIX, nos fala dun castro en forma de ferradura, con dous recintos rodeados de murallas e cunha zona central -a chamada eira dos mouros- no que se conservaban os restos dun edificio rectangular, posiblemente unha torre medieval, hoxe desaparecida e que podemos asociar coa chamada "Torre do Sixto" da que nos fala tamén o P. Fr. Juan de Azcona alá polo 1532 ("entre el camino del Padrón y de Santiago está una torre que llaman del Sisto cabo Sancto Antonino junto con el lugar que Ilaman Franco, donde se dize que moraba la reyna Lupa"). López Ferreiro sitúa no castro a capital dos amaeos, os antigos habitantes da terra do val da Maia.
