Trátase dun tramo do Río Ulla ao seu paso polo Xirimbao, na parroquia de Reis, onde a práctica da pesca está regulada en réxime de pesca sen morte.

Coordenadas GPS:
42.74767493695378, -8.555205773822347

Situado no curso do río Ulla (protexida pola Rede Natura 2000) e coñecido como o Couto de Couso, xa que toma o seu nome da parroquia do veciño Concello da Estrada, atópase o Xirimbao, que está acoutado no réxime de pesca sen morte. Construído nos anos 40 do pasado século veu transformar unha das pesqueiras tradicionais do Ulla nunha presa para facilitar a práctica deportiva do salmón, mudando por completo a fisionomía deste treito do río, que permanece ata os nosos días.
 

O seu límite superior é a presa e o inferior está 100 m abaixo da Pedra de Fernández. En total, 800 m dun couto que pertence a Teo e A Estrada. Ten 6 permisos diarios.
 

Completa este conxunto piscícola un refuxio de pescadores e un centro de precintaxe. Chama a atención na actualidade o tamaño que alcanzan dúas sequoias (Secuoia sempervivens) plantadas nas inmediacións do dito refuxio a principios da década dos 60, que alcanzan os 5 metros, de porte piramidal e gran valor ornamental.

 

O Couto de Couso, coa chegada do bo tempo, convértese nunha zona de esparexemento de miles de persoas de toda a comarca, debido, en gran parte, á existencia dunha área recreativa contigua e tamén á apertura, en temporada de pesca, da Ponte Mariola. Na marxe do río, o Couto de Couso está atravesada pola Ruta da Lamprea do Ulla.