O río Ulla nace na comarca da Ulloa e desemboca na ría de Arousa, percorrendo 130 km, dos cales unha parte atravesa a parte sur do Concello de Teo, fai ademais de fronteira natural entre Teo e A Estrada, nas provincias de A Coruña e Pontevedra respectivamente.
A Rede Natura é unha rede de espazos naturais protexidos a nivel da Unión Europea e que trata de protexer os hábitats naturais e a flora e fauna que os habita así como a biodiversidade a longo prazo.
OSistema Fluvial Ulla–Deza, está recoñecido como Lugar de Importancia Comunitaria da Rede Natura 2000 desde o 2004, atravesa non só os municipios da provincia da Coruña (Touro, Boqueixón, Vedra, Teo, Ames, Brión, Rois, Padrón, Dodro e Rianxo), senón tamén os municipios da provincia de Pontevedra (Catoira, A Estrada, Pontecesures, Silleda, Valga e Vila de Cruces).
A singularidade radica no ecosistema que se establece nas marxes do río, con especies moi particulares de vexetación que albergan ou acubillan insectos, paxaros e tamén mamíferos moi adaptados a ese sistema de auga e de variación de caudal.
A beira do Ulla ao seu paso por Teo atravesa as parroquias de Teo e Reis e conta con rutas de sendeirismo ao longo da beira que permiten gozar deses hábitats obxecto da protección. Solicitamos ás persoas visitantes a máxima responsabilidade no cumprimento das normas de cada espazo.