Esta edificación foi, no século XVIII, unha das pousadas que acollían a persoas arrieiras e peregrinas (Sarmiento, 1754), hoxe reconvertida nunha casa de labranza tradicional. Na parede orientada ó camiño aínda se conserva a estatua policromada de San Antoniño Abade, padroeiro dos animais, representado como un vello ancián co hábito da orde e cun porquiño ós seus pés.
Ata hai poucos anos sacábase en procesión e a veciñanza ofrecía esmolas para obter o favor do santiño e sandar os seus animais enfermos. Na parroquia consérvanse importantes coplas populares que lembran a tradicional rivalidade coa parroquia veciña de Biduído, así di unha das cantigas “San Antonio de Areeira anda no monte co gando, a virxe de Biduído ándallo recadando”.