Formada por pequenos cumes graníticos desta pequena dorsal montañosa situada ao sur do Concello de Teo entre as parroquias de Luou, Rarís e Lampai e no linde natural que divide os vales do Ulla e do Sar que separa as comarcas de Compostela e o Sar. Alí agóchase unha das áreas arqueolóxicas máis importantes de Galicia e, sen dúbida, a máis importante da comarca de Compostela.
Preto da aldea de Loureiro atópanse nove estacións de petróglifos dispostos no contorno inmediato e bordeando unha necrópole megalítica formada por trinta e tres túmulos.
Das diferentes estacións de petróglifos podemos destacar os xacementos do Meau, Fondao e Trono da Raíña, pero sobre todo a rocha chamada “Pedra Bicuda de Loureiro”. Trátase da estación máis ampla e mellor conservada do Concello, formada por un mínimo de oito combinacións circulares, unha delas unha das maiores da provincia da Coruña e polo menos catro zoomorfos situados na zona periférica da laxe.
Piquiño é tamén un lugar lendario entre a veciñanza de Luou que falan da existencia de antigas “Eiras de Mouros”. Elementos que integran o fecundo patrimonio inmaterial do Concello de Teo.