A carón do río Ulla, na parroquia de Teo, atopamos esta devesa con carballos e bens patrimoniais dignos de ser coñecidos e preservados.

Coordenadas GPS:
42.75463451077809, -8.515851202690717
De Teo á Burga de Xermeade pasando pola devesa de Agromaior

No triángulo que forman a aldea de Mallos e Agromaior coa beira do río Ulla, na parroquia de Teo, existe unha devesa en bo estado de conservación. Trátase dun bosque de carballos, algúns exemplares de gran lonxevidade e que pola súa situación, a carón da ribeira protexida pola Rede Natura 2000, constitúe unha masa vexetal moi destacable para amortecer impactos nesa beira do río e acubillar a especies animais. As carballeiras son o bosque clímax galego pero debido a diferentes impactos ambientais non é doado atopalas en bo estado de conservación. 

 

A Devesa atópase na ruta de sendeirismo que une Teo coa Burga de Xermeade que discorre paralela ao río, aínda que tamén se pode acceder con máis facilidade dende a aldea de Agromaior se se precisa un paseo máis curto.