Lugar na parroquia de Reis de gran actividade económica e social ao longo da vasta historia da vila.

Coordenadas GPS:
42.76189445899083, -8.546853505065988

Franqueada pola Ponte medieval, Pontevea, lugar da parroquia de Reis, é a porta de entrada ao Concello pola parte Sur e sen dúbida está marcada pola delimitación natural que exerce o río Ulla ao seu paso, motivo polo que periodicamente se producen enchentes que teñen marcado e determinado, o devir da vila.
 

Tamén está Pontevea estreitamente vinculada á historia da Burga de Pontevea. Dende finais do s. XIX, cando Pontevea era aínda o lugar do "Cruceiro", e sobre todo nas primeiras décadas do pasado século o elevado número de visitantes que chegaban para "tomar as augas" da Burga de Xermeade fixo que xurdira na "vila" unha incipiente actividade turística. Deste xeito, moitas casas alugaban cuartos para os bañistas para pasar a noite e mesmo podían empregar as cociñas das casas. Usaban burros e mulas cargadas con odres para transportar a auga dende a fonte ás "casas de baños". Co paso do tempo tamén se construíron pequenos hoteis que ofrecían tamén outros servizos.

 

Atravesada tamén polo camiño xacobeo da Geira e dos Arrieros foi lugar de tránsito e parada de arrieiros e peregrinos. Isto propiciou un auxe comercial na vila que se mantén ata os nosos días.