Situada fronte á igrexa de Bamonde, esta antiga casa reitoral marca o inicio da Ruta da Batalla de Cacheiras.

Coordenadas GPS:
42.78405360248892, -8.511545746409574
Da Batalla de Cacheiras

Trátase dunha gran mansión de trazas fidalgas, construída na segunda década do S. XVIII e reconstruída en 1783. Durante a súa construción o párroco fixo poñer o seu escudo familiar na parte alta, no que se distinguen as armas dos Mosquera (cinco cabezas de animais cortadas e unha coroa), dos Figueroa (cinco follas de figueira), dos Aguiar (unha aguia), entre outros. Baixo o beiril do tellado hai un fermoso relevo barroco representando a asunción e coroación da Virxe.

 

Quixo o azar que esta casa fose a escollida para que o xeneral de la Concha, enviado dende Castela, pasase a noite previa á coñecida Batalla de Cacheiras sucedida o 23 de Abril de 1846. Na súa fachada oeste, con vistas privilexiadas ao Val do río Santa Lucía, está o longo balcón do sobrado, sostido por oito ménsulas, do que houbo de caer o xeneral de la Concha a noite antes da batalla.
 

Dende finais do ano 2020 a propiedade é municipal aínda que pendente dun proxecto de rehabilitación non é, polo momento, visitable.