Logo de moitos anos no esquecemento, a “Cruz do Xastre”, que dá nome ó Monte situado entre as aldeas de Freixeiro, Valiñas e Coira volve lucir como antano, tal como o lembraban as persoas de maior idade da zona. A restauración deste descoñecido ben, aínda pendente de catalogación, cobra esencial significación no proceso de recuperación no só do patrimonio artístico teense senón tamén do patrimonio inmaterial da parroquia de Reis.

Trátase dunha cruz sinxela chantada sobre un penedo á beira da antiga corredoira, hoxe oculta entre o mato ó quedar en desuso, e preto dun túmulo Neolítico catalogado en 2001. Presenta un longo varal de forma hexagonal con remate e inicio en sección cadrada, capitel con moldura e unha sinxela cruz con remates florenzados. O labor de restauración foi realizado polo canteiro da Costa da Morte Ángel Cousillas con ampla experiencia en este tipo de traballos. Cómpre agradecer á familia propietaria da finca a súa colaboración e a veciñanza da zona que informaron dos danos sufridos no cruceiro e mesmo achegaron ó concello algúns fragmentos da cruz para evitar a súa perda e que permitiron arestora a súa recuperación e valorización.