Situada nunha encrucillada de camiños na parroquia de Luou, A Igrexa dálle nome ao núcleo de vivendas que a rodean.

GPS coordinates:
42.80388336880589, -8.58426257154906
Apego das Muiñeiras de Luou

A actual igrexa está asentada onde estivo a Capela de Santa Margarida que fora trasladada dende Loureiro pero que pronto se quedou pequena polo que o cura e a veciñanza decidiron construír unha nova. O proceso de construción da igrexa como a coñecemos hoxe en día foi un proceso longo, de moitos anos e reformas. Comeza coa reforma da capela dende o ano 1788 que se inicia a construción ata o ano 1832 onde se remata. 

 

A igrexa actual de Santa María de Luou data do segundo terzo do século XIX. A torre foi construída polos mestres canteiros Francisco Casal e Juan Casal. Este tamén construíu a igrexa de Bamonde e a capela de Santa Eufemia de Oza ámbalas dúas tamén no concello de Teo. No ano 1872 un raio destrúe a torre da Igrexa de Luou das campás para arriba e foi reedificada un ano máis tarde como da fe un cuadrante solar colocado no costado sur da Igrexa.

 

Nas inmediacións da Igrexa de Santa María de Luou atópase a fonte da Santa Margarida, datada do 1816 e onde é frecuente, sobre todo no mes de xullo, atopar xente “lavando os males” ao ser esta santa avogosa dos males e enfermidades da pel.

 

Tamén nas inmediacións está o edificio do “Sindicato de agricultores e gandeiros de Luou” construído no 1905 con fondos das persoas do lugar emigradas en América e que foi e é un centro de dinamización cultura da parroquia.