Entroido - Xenerais da Ulla

Entroido Teo
Información do patrimonio

 HeritageEtnográfico e Inmaterial

O único entroido galego declarado BIC e festa de interese turístico que abrangue concellos de diferentes provincias.

A bisbarra natural da Ulla posúe un orixinal entroido rural  compartido por 8 concellos do que temos testemuñas desde mediados do s. XIX. As personaxes máis importantes son os Xenerais e Correos, que percorren a cabalo as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, que expresan un desexo de vida, sorte e prosperidade. Finalmente, rematan a xornada escenificando un atranque (ou alto), un enfrontamento dialéctico que ten lugar por parellas. Este acto é aproveitado para facer burla e sátira sobre diversos temas, como asuntos locais, políticos ou do corazón, sempre baseados en feitos acontecidos durante o ano.

Os Xenerais e Correos van acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. A comparsa adoita estar composta por dous coros: o principal, coñecido como coro de bonitos e bonitas e formado pola mocidade, e o de vellos e vellas, que reúne a xente de máis idade. A parranda é un numeroso grupo no que teñen cabida todos os disfraces e que vai acompañada por músicos (charanga, banda de música ou gaitas).

Teo conta coa súa propia personaxe do entroido, o “demo” (en Reis na actualidade e en Teo antigamente). A súa misión é a mesma: perseguir a veciñanza, dar sustos, meterse coa xente e animar a festa. Para iso o demo sérvese da súa característica vara de dúas puntas, que forma parte do disfrace, composto por un traxe de pelo e unha terrorífica máscara.