Información da ruta
Na Carballeira de Francos, da parroquia teense de Calo, celébrase, cada 11 de novembro a feira do San Martiño. Especializada na venda do gando cabalar, mular e asnal, é, sen dúbidas, unha manifestación singular da cultura popular e da economía gandeira galega cunha verificable alta tradición histórica.
Esta data, de especial significación para o Concello de Teo, foi declarada festa local dada a importancia da mesma na comarca. É unha das datas de referencia no calendario festivo e afectivo dos veciños da bisbarra de Compostela como o é a Pascua de Padrón, o San Marcos de Noia ou a Ascensión en Compostela.
A súa existencia testemúñase por primeira vez no ano 1557 en antigos protocolos notariais que recollen documentos de carácter fiscal en relación co pago das alcabalas, os impostos que gravaban as transaccións comerciais dos cabalos na feira e que debían pagar a medias o comprador e o vendedor.
A feira xorde neste couto porque Francos gozaba dunha situación xeográfica e administrativa singular. O lugar de Francos estaba ó pé dunha das vías principais que recorría Galicia de Norte a Sur. Unha encrucillada de vieiros que dende os tempos dos romanos, logo no Medievo e durante toda a Idade Moderna, enlazaban as Rías Baixas con Compostela ou as Terras do Ulla coa Costa da Morte.
- Galería de imaxes San Martiño 2024
- Galería de imaxes San Martiño 2023
