Lugar de destacada relevancia histórica e miradoiro natural onde os días despexados de inverno se poden ver os cumios nevados das serras ourensás!

Coordenadas GPS:
42.834255434654665, -8.541494198171705
Coordenadas ETRS89 UTM29:
Norte 42º 50´5” N - Oeste 8º 32´ 30” W
Da Batalla de Cacheiras

Con 339 metros de altitude este emprazamento ten unha amplitude de vistas excepcional e conforma un miradoiro natural. Atópase debidamente sinalizado e con paneis que permiten interpretar a escena visual.

Dende o alto pódese observar unha vista panorámica que abrangue a cidade de Compostela, o val do río Santa Lucía e o val medio do Ulla e, ao fondo, unha singular vista do Pico Sacro. Neste cumio remata a ruta da Batalla de Cacheiras,  a ruta lineal que comeza ó pé da reitoral de Bamonde e discorre polos camiños por onde as tropas do xeneral de La Concha avanzaron para enfrontarse ó exercito sublevado liderado polo xeneral Solís sendo este emprazamento o lugar onde tivo lugar a batalla máis encarnizada, o 23 de abril de 1846.

Entre os penedos do lugar, atópase unha coñecida como Pena Escorredía, un enorme macizo granítico que presenta unha forte pendente nun dos laterais e que foi empregada como tobogán dende tempos inmemoriais pola veciñanza da contorna o que orixinou unha zona desgastada e lisa de tanto rozamento.

O acceso a pé pódese facer a través de pistas de terra forestais ou en coche pola rúa asfaltada que leva o mesmo nome. Os últimos 10 metros só se poden facer a pé.

Situación Lugar Montouto, Parroquia Cacheiras, Concello Teo, Provincia A Coruña.